Décimo noveno.- Permiso para a asistencia a actividades de formación do profesorado.

1.- Actividades de formación organizadas polo servizos centrais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
A admisión a estas actividades implica o permiso para asistir ás mesmas. Este permiso será notificado a Inspección Educativa e a Dirección do centro segundo o modelo que se establece no anexo I á presente Orde.

2.- Actividades de formación organizadas polos Centros de Formación e Recursos.
O profesorado só poderá asistir ás actividades organizadas polos Centros de Formación e Recursos fóra do seu horario lectivo.

3.- Actividades de formación organizadas polas universidades, organizacións sindicais, asociacións profesionais ou similares.
O profesorado que desexe participar en calquera actividade de formación organizada polas universidades, organizacións sindicais, asociacións profesionais ou similares que se desenvolvan, total ou parcialmente, en horario lectivo, deberán solicitar o permiso correspondente, segundo o procedemento que segue:
O profesoado interesado formulará a súa solicitude ao Delegado provincial a través da dirección do centro, que a tramitará acompañada dun informe no que se indiquen as posibles repercusións que a ausencia de dito profesor ou profesora tería na actividade docente, así como as medidas que se adoptarán para paliar, dentro do posible, as incidencias previstas, segundo o modelo que se publica como anexo II á presente orde.
Para a posible autorización teranse en conta, entre outros, os seguintes criterios
a) Relación entre a actividade solicitada e a función que desempeña o profesor ou profesora.
b) Repercusión positiva da actividade formativa na calidade educativa do centro.
c) Repercusión da ausencia do profesor ou profesora na actividade docente do centro.
d) Número de profesores ou profesoras do centro que asisten, simultaneamente, aactividades de formación.

Estas solicitudes serán informadas pola inspección educativa quen verificará os criterios anteriormente mencionados co fin de garantir a obxectividade e homoxeneidade na concesión das autorizacións.
As solicitudes e o informe da dirección do centro deberán entrada na Delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria cunha antelación mínima de 10 días ao inicio da actividade formativa.
En todo caso, estar en posesión da autorización, segundo o modelo do anexo III, será un requisito necesario para asistir a actividades de formación en horario lectivo.
As faltas de asistencia do profesorado ás súas actividades lectivas, por ter asistido con autorización a actividades formativas, xustificaranse coa certificación de asistencia ás mesmas, que se acompañará ao parte mensual de faltas.