STEG ó día · STEG opina

26-09-2017

O reloxo parado do ensino público

STEGopina do comezo do curso 17/18

Comezo do curso 17-18: o reloxo parado do ensino público

Se algunha cousa boa tivesen os gobernos conservadores, sería o feito de que como non hai transformación verdadeira, senón unha degradación progresiva do público, os escritos de denuncia vólvense conservadores tamén na súa argumentación: debemos conservar os argumentos de anos pasados, pois a intención de derrube do público segue a ser a mesma.

E cada comezo de curso co goberno do PP na Galiza significou para os centros públicos de ensino do noso país máis recortes, menos profesorado e por tanto unha maior precariedade nun eido fundamental para a nosa vida en sociedade.

Neste contexto, para o STEG resulta fundamental, en primeiro lugar, incidir na necesidade de reverter as políticas educativas que vimos padecendo dende hai un lustro e fronte ás cales agora puidese haber (alomenos no Estado) unha maioría parlamentaria alternativa que as cambiase. En segundo lugar, a esixencia de habilitar un regulamento de acceso extraordinario á función docente que garanta a consolidación laboral do profesorado interino coa aplicación do Acordo para a Mellora do Emprego Público, do 29 de marzo, así como as medidas necesarias que garantan a súa estabilidade no traballo.

Parece que o reloxo do ensino público non só se detivese de súpeto, senón que fose cara atrás. Ben sabemos onde quere a Xunta de Feijoó poñelo, se observamos o recente concerto cos centros que segregan por sexos (renovado até 2023) ou coa supresión de centros (nas Pontes e a Serra de Outes, por exemplo) sen maior razón aparente que contentar ao seguinte chanzo do escalafón xerárquico e sumar algunha medalla.

Daquela, habería que porlle fin á política de recortes que se iniciou coa crise económica, e que tivo un dos seus puntos culminantes cos reais decretos do ano 2012 que aínda continúan en vigor. Esta reivindicación, pola que veu loitando toda a comunidade educativa nos últimos anos, cobra este curso unha nova dimensión por unha dobre circunstancia: por unha banda polo propio discurso do Goberno central que defende que a situación económica mellorou ata situarnos na posición previa ao estalido da “crise” e, por outra banda, porque a súa situación de minoría parlamentaria permítelle á oposición implementar outras políticas alternativas. Para o STEG o curso que acaba de botar a andar ten que ser o curso en que, canda á demanda xeral de aumento do investimento público educativo, se recupere o poder adquisitivo dos traballadores e traballadoras do ensino e as condicións de traballo que había antes dos decretos dos recortes: diminuír o horario lectivo do profesorado; acabar co abuso das ratios escolares e restablecer as condicións que tiñan as/os ensinantes maiores de 55 anos, medidas todas elas que facilitarían un aumento dos persoais docentes; así mesmo, mellorar os permisos e licenzas, acabar coas penalizacións económicas polas baixas médicas e cumprir con rigor as normativas sobre saúde laboral, son outras reivindicacións fundamentais. Sobre isto último, aínda denunciamos a pasada semana que a Consellería vén de incumprir unha sentenza xudicial denegándolle a redución de xornada por fillo con enfermidade grave a unha docente.

Neste desastroso déjà vu, a historia repítese unha e outra vez coma nunha caixiña de música onde soase unha melodía atroz:

- o peche das escolas do rural, ao que debemos sumar a non optatividade nos seus centros de secundaria coa excusa da escasa demanda, debilitando aínda máis un eido especialmente castigado por esta crise/estafa e polos actuais modelos de crecemento.
- o recorte brutal do profesorado, que minguou en case mil cincocentos profesionais dende a chegada ao goberno da Xunta de Núñez Feijoó. Para mostra, as decisións unipersoais do director xeral de Recursos Humanos en relación á supresión de 3 prazas docentes no IES As Mariñas de Betanzos, desoíndo os informes en sentido contrario da inspección, que foron combatidas con éxito polo STEG en colaboración co centro, facéndolle recuar á Consellería.

- a alarmante diminución nas axudas á promoción da normalización do galego, que deriva nun uso menor do mesmo, incidindo no proceso de substitución lingüística e de desaparición da nosa lingua.
- o alarmante desleixo pola atención á diversidade, que se resume no feito de que as prazas de orientación cada vez veñan con máis afíns, no camiño de converter unha área fundamental do ensino nun caixón de-sastre.
- a redución alarmante dos contidos humanísticos, convertindo a reivindicación dos mesmos nunha sorte de excentricidade por parte das traballadoras e traballadores do ensino público. (quen precisa de pensar?)
- as ratios por riba do legalmente establecido, especialmente en centros das provincias da Coruña e Pontevedra, que inflúen moi negativamente no alumnado pero tamén na labor docente das traballadoras e traballadores.

Pero non só iso, tamén:

- a pésima xestión das interinidades e substitucións, alterando o normal desenvolvemento da dinámica de funcionamento dos centros en momentos tan delicados para a organización dos centros coma o inicio do curso.
- a deriva da xestión dos comedores escolares, moitos deles nas mans de empresas privadas radicadas a centos de quilómetros do país e tamén un pouco efectivo funcionamento das listaxes de substitucións naqueles de control público, provocando alteracións e atrasos no comezo da súa actividade. Un bo exemplo, entre moitos outros, que o alumnado do CPI Uxío Novoneyra, en Pedrafita, sexa alimentado (mal e a destempo) por unha empresa radicada en Salamanca ou o alarmante caso do comedor do CPI da Cañiza (sen funcionar e invadido polas ratas).
- obras inacabadas e deficiencias estruturais nos centros.
- a non substitución das persoas auxiliares de conversa en centros onde é a única dotación que reciben as seccións bilingües.

Para o STEG sería imperdoábel que na actual conxuntura económica e política non se abordasen estas reivindicacións que son de xustiza para o profesorado e que inciden, tanto directa como indirectamente, na calidade do servizo educativo público. É por iso que nos estamos dirixindo aos diferentes grupos políticos da oposición trasladando estas demandas xunto coa reivindicación, como non podía ser doutro xeito da derrogación da LOMCE, que non pode continuar consolidándose na súa aplicación durante un curso máis.
O curso 2017-18 tamén será un ano marcado pola intención do Goberno central, plasmada no artigo 19 dos Orzamentos Xerais do Estado, de convocar en sucesivas ofertas de emprego público ata un 90% das vacantes consolidadas durante os tres anos consecutivos anteriores ao 31 de decembro de 2016. Estamos, pois, ante a hipotética posibilidade de importantes ofertas de emprego público docente coas que a Administración pretende diminuír de forma drástica unhas taxas de interinidade que se desbordaron nos últimos anos, e que nalgúns territorios (con taxas moi por encima do 30%) convertéronse nun problema para o sistema. Agora ben, estas posibles ofertas teñen que vir acompañadas inexcusablemente por unha negociación da situación do persoal interino e por uns cambios, polo menos transitorios, no actual sistema de acceso. Dende o STEG e dende a Confederación de STEs-i non imos consentir baixo ningún concepto que o problema das taxas de interinidade se resolva pola vía da expulsión do sistema dos actuais interinos e interinas; nin é tolerábel dende o punto de vista laboral, nin sería razoábel que o sistema educativo prescindise deste capital humano despois de anos de traballo, de formación e de experiencia acumulada que agora non se pode desaproveitar.

-documento en pdf


                                                                 COMISIÓN PERMANENTE DO SECRETARIADO NACIONAL DO STEG
19 DE SETEMBRO DE 2017

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza