Polémica sobre os CMUS
Como adoita ser costume, o STEG leva anos posicionándose de xeito firme e conciso sobre a problemática das prazas ofertadas a persoal de Secundaria nos CMUS.
Así o fixemos nos dous INFOSTEG publicados con anterioridade:
a) Comunicado do STEG en relación á xuntanza da APMAEGAL cos representantes sindicais no CMUS de Pontevedra.
b) Sentenza favorábel ao profesorado de música e artes escénicas nos CMUS.
Por iso, queremos comunicar a toda a comunidade educativa o seguinte:
Se a Xunta de Galiza, tal e como deu a coñecer na OPE presentada na mesa sectorial do pasado 2 de marzo -onde non puidemos posicionarnos, nin denunciar coa obrigada contundencia, xa que non formamos parte da mesma- , convoca finalmente oposicións restrinxidas para o corpo de Música e AAEE, e sen facer un estudo serio das prazas realmente necesarias que:
IMPUGNAREMOS A ORDE DE CONVOCATORIA DESAS OPOSICIÓNS.
Dende o STEG cremos que a Consellería debe incrementar as horas de docencia do profesorado de música na ESO e aumentar considerablemente asprazas docentes de música.
Esiximos tamén, que se publiquen no concurso de traslados as vacantes producidas polas xubilacións nos últimos anos e que non só non se cubriron, senón que algunhas desapareceron no espazo-tempo.
O profesorado dos CMUS está moi canso das medidas discriminatorias por parte deste goberno que no canto de cumprir coa sentenza xudicial que ten pendente, fai público un borrador de oposicións "internas" e pechadas onde, cal física ambulante crea un burato de verme para comunicar dous corpos distintos desafiando así ao TXG quen ditaminou con contundencia:
NON SE PODEN ADXUDICAR PRAZAS DE PES A CMUS.
Non debemos permitir que se xogue “aos dados” coa materia, hai que atopar unha medida que deixe de enfrentar a estes dous colectivos e mellorar a calidade do Ensino da Música.
-documento en pdf
COMISIÓN PERMANENTE DO SECRETARIADO NACIONAL DO STEG
16 DE MARZO DE 2017