25 DE NOVEMBRO  
25 novembro 2018
25 novembro 2017
25 novembro 2016
25 novembro 2015
25 Novembro 2014
25 Novembro 2013
25 Novembro 2012
25 Novembro 2011
25 Novembro 2010
25 Novembro 2009
25 NOVEMBRO 2018
XUNTAS E COMBATIVAS CONTRA A VIOLENCIA PATRIARCAL
25 DE NOVEMBRO DE 2018


Dende a Asemblea de Mulleres do STEG un ano máis temos que conmemorar o 25 de novembro e lembrarlle ao mundo enteiro que a violencia cara ás mulleres non cesa.

    Dende que se recollen datos relativos ás mulleres vítimas de terrorismo machista foron asasinadas 950 mulleres. No que vai do ano 2018 foron asasinadas 39 mulleres, sen contabilizar aquelas mulleres asasinadas fóra das relacións de parella, neste caso o número ascende a 77, e é alarmante o crecemento de asasinatos de menores polos seus pais: 8 nenas e 2 nenos coa única intención de facer o maior dano posible á súa parella ou exparella. Estes datos están recollidos con data do 5 de outubro (https://feminicidio.net/).

    Posibelmente neste momento xa aumentou o número de vítimas, pois o terrorismo machista non cesa e semella non ser o suficientemente importante na sociedade: nas estatísticas do CIS sobre os principais problemas en España, a violencia cara as mulleres ocupa o posto 18 https://goo.gl/sj6iAQCal é a orixe desta falta de preocupación? A orixe está nunha sociedade patriarcal onde o home, polo simple feito de ser home, nace cuns privilexios que as mulleres non acadaremos sen unha gran loita e unha gran revolución. Aínda é común na sociedade a percepción de que a violencia cara ás mulleres nas relacións de parella é algo privado e que non debemos meternos. Tamén está socialmente instaurada a idea de que a muller pasa a ser “dependente” do marido en canto comezan relacións de parella. Os estereotipos patriarcais están tan enraizados que ás veces semella imposible que poidan ser erradicados.

    O único camiño para eliminar a violencia machista é un cambio social onde as mulleres teñamos os mesmos dereitos e sexamos consideradas cidadás de primeira, como os homes. Unha sociedade onde non sexa necesario falar de cotas para que as mulleres asuman postos de responsabilidade nas empresas. Unha sociedade onde non se cuestione continuamente a valía das mulleres e onde non se someta a escrutinio o noso aspecto físico. Unha sociedade onde os roles sexistas desaparezan. Unha sociedade onde a xustiza patriarcal non exista e nos sintamos realmente protexidas. Como van denunciar as mulleres que sofren algunha violencia machista se as persoas que teñen a obriga que protexelas por careceren de formación de xénero as tratan como culpables e non como vítimas?
   
    As mulleres estamos fartas de sermos cidadás de segunda, estamos fartas de que non se nos teña en conta e non se nos valore, estamos fartas de estar sempre cuestionadas e continuamente examinadas. Por iso estamos a tomar as rúas e estámonos facendo oír, estamos a aliarnos porque sabemos que xuntas somos máis fortes. Saímos á rúa o pasado 8 de marzo para demostrar que sen nós o mundo para. Ocupamos as rúas para denunciar a xustiza patriarcal en casos como o “da manada” ou “ Juana Rivas”, estamos vixiantes e denunciamos todos e cada un dos casos de violencia que sufrimos as mulleres.

    O movemento feminista chegou para cambiar esta sociedade e non desistiremos no noso empeño ata que o consigamos. Somos mulleres e estamos afeitas a loitar para acadar o noso lugar no mundo e así seguiremos. Non estamos soas, somos moitas. Non esquezamos ás compañeiras arxentinas que seguen na súa loita por conseguir un abortolibre, seguro e gratuíto, e que conseguiron apoios de mulleres de todas as partes do mundo.

    Queremos que as violencias machistas sexan consideradas un problema social importante. Aí é onde as compañeiras xornalistas teñen un papel relevante, dando perspectiva de xénero a todas as noticias e denunciando aquelas situacións que vaian contra os dereitos das mulleres. Mulleres deportistas, xuristas, universitarias… tamén alzan a súa voz e denuncian o machismo. Porque é fundamental facer ver o problema para darlle solucións e concienciar a sociedade. É fundamental esixir formación en igualdade nos centros educativos para evitar transmitir estereotipos sexistas, así como unha formación en feminismo para todas as persoas que interveñen con mulleres vítimas de violencias machistas.
 
Por iso, dende a Asemblea de Mulleres do STEG dicimos alto e forte que:
As mulleres xuntas e combativas acabaremos coa violencia patriarcal!!!

 
Asemblea de Mulleres do STEG e Organización de Mulleres da Confederación Intersindical

novembro de 2018

 

E-mail de Contacto | Aviso Legal