COEDUQUEMOS DESDE O NOME  
O NOME TAMÉN EDUCA
O nome dun centro escolar é a súa primeira tarxeta de presentación perante a comunidade da que forma parte, e debe servir ao labor educativo que se persegue nel. Somos conscientes de que o nome dun centro educativo actúa como referente lexitimador e de recoñecemento social no seu entorno, polo que a escolla do mesmo debería ser obxecto dunha coidadosa reflexión.

Desde a Asemblea de Mulleres do STEG consideramos especialmente importante a visibilización das numerosas mulleres que ao longo da historia foron, polos seus actos e as súas achegas, un estímulo para a súa xeración e para as posteriores. Consideramos que o sistema educativo é unha ferramenta valiosísima coa que construír unha igualdade real entre homes e mulleres, que infelizmente non sempre se emprega en toda a súa potencialidade.

Convidamos a toda a comunidade educativa a que contribúa neste esforzo coeducativo cambiando o nome do seu centro polo dalgunha destas mulleres, especialmente polo daquelas que estivesen vencelladas co entorno social do alumnado do centro.

 

POR QUE?

Polos feitos…

...porque o 80% dos nomes dos centros educativos de Galiza son masculinos.

...porque no 53% dos centros que teñen nome de muller, trátase de personaxes relixiosos.

...porque dos centros que teñen nome dalgún docente, 44 son de varóns e 8 de mulleres… Se na nosa profesión se dá esta situación, que máis proba necesitamos da visión deformada da realidade que se transmite a través de algo tan aparentemente irrelevante como é o nome do centro?

...porque hai 50 centros con nome de varóns adicados a “outras profesións” (medicina, enxeñaría, matemáticas, arquitectura...) fronte a un só centro con nome de muller nesta categoría. A isto debería chamárselle tamén “currículo oculto”, e non só ao que aparece nos libros de texto.


COMO?

Ben doado...

...en Primaria: débese reunir o Claustro e pronunciarse, e aprobalo o Consello Escolar. Ten que ir acompañado do informe favorable do Concello. Remítese á Consellería, que o aproba “automaticamente”, é dicir, a non ser que haxa motivos para consideralo improcedente.

...en Secundaria: o procedemento é como en Primaria, pero non se precisa informe favorable do Concello.

...así mesmo, desde a Asemblea de Mulleres do STEG solicitamos á Consellería de Educación que nomee, por defecto, os centros educativos de nova creación con nome de muller.

PARA QUE?

Polo noso alumnado...

...para ofrecer unha visión real da historia, na que numerosas mulleres fixeron valiosas aportacións en moitos ámbitos, aínda que acabaron sendo prácticamente borradas da nosa memoria.

...para sensibilizar ao noso alumnado sobre a loita polos dereitos das mulleres, xa que detrás de cada biografía de mulleres artistas, intelectuais, profesionais, etc..., hai unha historia de superación fronte aos prexuízos da súa época.

...para fornecer ás nosas alumnas con modelos cos que identificarse, que lles servan de estímulo para non aceptar teitos profesionais polo feito de seren mulleres.

...para asumir que a transmisión dos roles sexuais se fai de xeito constante, moitas veces inconscientemente, en todas as esferas de acción, e moi especialmente no ámbito público. Mudar o nome do centro pode servir como exercicio de reflexión a respecto destas prácticas discriminatorias e das súas consecuencias, así como para facer explícito e visible o compromiso do centro coa coeducación.


QUE NOME?

Por falta de propostas non vai ser…

...convidámosvos a consultar o noso calendario anual TEMPO DE MULLERES, MULLERES NO TEMPO, con entradas de mulleres artistas, políticas, intelectuais, deportistas, profesionais de todos os ámbitos...; en cada día do ano hai unha entrada, e con máis de 60 galegas.

 


O nome tamén educa
 

E-mail de Contacto | Aviso Legal