ORG. MULLERES DA C. I.   
COMUNICADOS
Día Internacional da Acción pola Saúde das Mulleres

O día 28 de maio, cúmprense 35 anos dende que se propuxese esta data como o Día Internacional de Acción pola Saúde da Muller. Tal día como hoxe, en 1987, co gallo do V Encontro Internacional sobre Saúde da Muller realizado en San José de Costa Rica, a Rede de Saúde das Mulleres Latinoamericanas e do Caribe (RSMLAC), apoiada pola Rede Mundial de Mulleres polos Dereitos Sexuais e Reprodutivos, propuxo esta data co obxectivo de denunciar as malas condicións de saúde de moitas mulleres no mundo e reivindicar o dereito de todas á saúde integral.

A saúde é un dereito universal recoñecido, todas as persoas deberíamos ter “un estado de completo benestar físico, mental e social, e non soamente a ausencia de doenzas ou enfermidades”, tal e como establece a Organización Mundial da Saúde (OMS). Pero a realidade é que gran parte da poboación non goza de boa saúde, en especial as mulleres.

A pesar dos avances en materia de igualdade das últimas décadas producidos grazas ao pulo das feministas, seguen existindo desigualdades entre mulleres e homes. Na ciencia médica existen prexuízos de xénero que perpetúan estas desigualdades en materia de saúde. A investigación e a práctica médica non están alleas ao androcentrismo que invisibiliza ás mulleres en todas as disciplinas. Existen prexuízos de xénero na investigación, no diagnóstico, no tratamento das enfermidades, e na prevención e a promoción da saúde.

Como afirma a endocrinóloga Carme Valls Llobet no seu libro Mujeres invisibles para la Medicina (2020), “a ausencia de investigación específica na saúde das mulleres fixo invisíbeis para a ciencia médica os aspectos biolóxicos, clínicos, psicolóxicos, sociais, culturais e medioambientais das diferenzas”.

Aínda que poida parecer incrible, moitos estudos epidemiolóxicos e ensaios clínicos seguen realizándose só con homes, excluíndo ás mulleres. Porén, os resultados relacionados con problemas de saúde dos homes, así como a súa resposta aos fármacos, xeneralízanse e se dan por válidos para as mulleres, a pesar de que existen diferenzas biolóxicas e sociais importantes. Como toda ciencia androcéntrica, a medicina tradicionalmente identificou o masculino co humano, asumindo que os síntomas que presentan os homes son universais, ao tempo que ignorou, minusvalorou, malinterpretou ou patoloxizou moitos síntomas das mulleres. Unha vez máis as mulleres somos invisíbeis para a ciencia e esta invisibilidade afecta directamente á nosa saúde.

Recentemente, coñecemos a aprobación por parte do Consello de Ministros (e Ministras) do proxecto de reforma da Lei Orgánica 2/2010, de 3 de marzo, de Saúde Sexual e Reprodutiva e de Interrupción Voluntaria do Embarazo, que entre outras cuestións incorpora o dereito á saúde menstrual como parte do dereito fundamental á saúde das mulleres. Unha das formas nas que se vai materializar este dereito é o permiso por incapacidade temporal pagado integramente polo Estado para aquelas mulleres que teñan menstruacións dolorosas e incapacitantes. Dende a Organización de Mulleres manifestamos o noso posicionamento a favor desta necesaria medida pero consideramos que non é suficiente, quedan por resolver cuestións de índole económica que afectan directamente á saúde integral das mulleres.

Por todo isto, esiximos ás administracións públicas que proporcionen os recursos necesarios para garantir a saúde integral das mulleres e evitar que se perpetúen as desigualdades. É imprescindíbel que a investigación médica realizada con fondos públicos inclúa ás mulleres. Urxe introducir a perspectiva de xénero nos plans de estudo das facultades de Medicina para que inclúan as diferenzas biolóxicas, psicolóxicas e sociais que afectan a mulleres e a homes. Necesitamos un sistema de saúde pública que atenda ás diferenzas de xénero para garantir o dereito á saúde de todas as persoas.

 

E-mail de Contacto | Aviso Legal