INFORMACIÓNS VARIAS   
INFORMACIÓNS VARIAS
Feminismo para unha transformación social

RESUMO DAS XORNADAS CONFEDERAIS

DA ORGANIZACIÓN DE MULLERES

23 E 24 DE OUTUBRO EN SANTANDER

Esta fin de semana participamos nas xornadas de formación que a Organización de Mulleres da Confederación Intersindical celebra anualmente. Despois de case 2 anos de restriccións e varios aprazamentos finalmente puidemos reunirnos, iso si, coa metade do aforo.

Foron unhas xornadas moi intensas, de aprendizaxe, pero tamén de encontro, compartindo con mulleres de case todos os territorios do Estado Español. Xa tocaba vernos en persoa e non a través da pantalla da computadora.

Non podemos deixar de agradecerlle á irmá de Begoña Caamaño, Bea, que fixo posíbel que compartíramos Circe ou o pracer do azul, traducida ao castelán, con todas as asistentes ás xornadas, facendo gala da literatura feita por mulleres na nosa terra.

Baixo o lema Feminismo para unha transformación social reflexionamos sobre os estereotipos de xénero e a súa repercusión na forma de ver á muller na ciencia da man de Estefanía Prior Cano, doutora en Enxeñería Fotónica. Continuamos con dous obradoiros, un con María Díaz Angulo, Máster de sexología, que nos falou dos bos vínculos, do bo trato e da diversidade nas relacións interpersoais, desmontando os nosos estereotipos. O segundo obradoiro, con Mª Paz Yllera Asensio, Máster en Psicoloxía Xeral Sanitaria, introduciunos na ecoloxía emocional, para previr a contaminación e o quentamento emocional, e axudarnos a reinterpretar a información afectiva e a canalizar a nosa enerxía.

Rematamos o día da mellor forma posíbel, asistindo a un concerto, proxecto musical e poético que recupera e amplifica as voces de mulleres autoras, compositoras, músicas e intérpretes, Mujeres cantan a Mujeres.

O domingo, antes de emprender a viaxe de volta, tivemos o orgullo de ver, da man de Paqui Méndez, co seu proxecto Cortometrajes por la igualdad, a curta Tódalas mulleres que coñezo de Xiana do Teixeiro, un emocionante xeito de poñer enriba da mesa o desequilibrio social entre home e muller no noso país.

 

E-mail de Contacto | Aviso Legal