Cada ano, dende 2016, festexamos no territorio español, por iniciativa da Biblioteca Nacional, o Día das Escritoras, co fin de visibilizar ás mulleres que, do mesmo xeito que noutros ámbitos, foron borradas da historia da literatura.
“Para a maior parte da Historia, Anónimo era unha muller”. Esta cita, que se atribúe á escritora feminista Virginia Woolf , critica esta anulación á que se viu sometida a muller na literatura.
Por iso, este ano, dende a Organización de Mulleres da Confederación Intersindical, fomos máis alá da conmemoración deste día, editando un calendario que se distribúe en todo o territorio español, que se publica en 5 das nosas linguas: castelán, galego, catalán, valenciano e asturiano, e que fai un percorrido pola literatura escrita por mulleres a través da historia e dos diferentes territorios. Comeza por escritoras da Idade Media chegando ata as escritoras do século XXI, sen deixar no esquecemento ás mulleres que escriben en catalán, galego, éuscaro e asturiano.
O plurilingüismo é unha realidade no territorio español, e é necesario render homenaxe no Día das Escritoras a todas aquelas escritoras, que ademais de atoparse cos atrancos de ser muller, enfróntanse ao descoñecemento que existe da literatura en calquera das linguas cooficiais minorizadas do estado. Tal e como recolle Teresa Moure, escritora galega, no seu artigo Se Edipo falase galego..., a literatura para quen escribe en galego supón un proxecto de resistencia, é preciso un nivel de compromiso e militancia para manter a lingua viva.
Lía Guerrero no seu artigo A visibilidade das escritoras describe así a xénese do contexto no que nos atopamos: “Historicamente a desvalorización da escritura feminina emana da crenza de que as mulleres tiñan unha escasa capacidade intelectual, ou en calquera caso inferior á do home. Esta crenza, que foi defendida cientificamente, perseguía cinguir ás mulleres ao doméstico e na práctica supuxo que se viran excluídas do ámbito literario.”
E aínda que podemos pensar que os atrancos xa están superados, a realidade amosa con cifras que na actualidade segue a ser escasa a presenza da muller nos eidos literarios:
• Só 16 dos 117 Premios Nobel de Literatura foron para mulleres.
• En pleno século XXI dos 38 nomeamentos que se realizaron na Real Academia Española soamente 8 corresponden a mulleres.
• Na Real Academia Galega só hai 5 mulleres entre os 30 membros.
• A Real Academia da Lingua Vasca dende a sús fundación en 1919 nunca tivo unha muller presidente.
• Na Academia Valenciana da Lingua só 4 dos seus 20 membros son mulleres.
• O Premio da crítica de narrativa catalá nas súas 44 edicións só foi concedido a 6 mulleres.
Dende a Organización de Mulleres da Confederación Intersindical resúltanos inadmisíbel atribuír todas estas desigualdades numéricas á calidade da escritura feminina. Queremos reivindicar a importancia de difundir o papel das mulleres na literatura, e avogar por un consumo literario que promova a igualdade e sexa crítico coa reprodución da discriminacións á muller, avanzando cara a unha sociedade máis xusta e respectuosa.
|