ORG. MULLERES DA C. I.   
COMUNICADOS
Día Internacional das Mulleres Rurais

O feminismo, motor do repoboamento do mundo rural

As mulleres representamos máis do 40 por cento da forza laboral agrícola nos países desenvolvidos. Segundo datos da ONU, esta cifra acada o 50 por cento en países de África e Asia.

Cando falamos da propiedade da terra, temos que ser conscientes de que as mulleres estamos nunha clara desvantaxe. En moitos países non existen normativas que nos garantan dereitos de propiedade sobre a terra, pero en moitos de estes casos, as principais produtoras dos alimentos somos as mulleres.

É un reto vivir no medio rural no noso país. Falamos de protección e sostibilidade do medio ambiente, falamos de sostibilidade poboacional que fai posíbel o mantemento dos nosos pobos, retos nos que as mulleres temos unha grande importancia.

Por todo isto, dende a Organización de Mulleres da Confederación Intersindical, esiximos aos poderes públicos, aos grupos políticos, que se poña fin á desigualdade que reina no mundo rural. É imprescindíbel a elaboración dunha estratexia que loite contra a despoboación. Esta ten que ser deseñada cunha acusada perspectiva feminista que propicie unha igualdade real e efectiva na que agora coñecemos como a “España baleirada”.

Aínda que, dabondo é coñecido, que a España urbana mantén actitudes machistas, non podemos descartar que no mundo rural, zorregado polo patriarcado, atopemos a oportunidade de consolidar unha sociedade tan singular como igualitaria. Unha sociedade cimentada nunha escola pública rural da que emane a ensinanza coeducativa.

Polo tanto, estamos ante un exemplo de que a despoboación no medio rural non só debe concibirse como unha ameaza senón como a oportunidade de xerar un novo modelo de sociedade.

A educación ou a cultura, non deben ser os únicos elementos que impulsen as zonas rurais do noso país. Para iso, é necesario que os gobernos (locais, provinciais, autonómicos, estatais e, mesmo, europeos) aposten por unha política de cohesión territorial a través da mellora das vías de comunicación. As autovías, o tren de alta velocidade ou a proximidade a un aeroporto, teñen que ser pezas fundamentais na recuperación do territorio rural.

Ademais, en pleno século XXI é fundamental que se elimine toda zona de sombra nas coberturas móbil 5G ou fibra de alta velocidade. Tanto a vía física, a estrada, como a vía dixital son aliadas dunha recuperación do mundo rural, como dunha reivindicación do movemento feminista no mundo rural.

Nunca haberá unha repoboación do mundo rural, sexa dixital ou non, sen unha revolución.

Nunca haberá unha revolución sen o movemento feminista.

 

E-mail de Contacto | Aviso Legal