ORG. MULLERES DA C. I.   
COMUNICADOS
Día internacional pola paz e o desarme

 

“A verdadeira paz non é simplemente a ausencia de guerra, é a presenza de xustiza” Jane Addams

Quizais esta breve cita, pronunciada por Jane Addams fai un século, poida resumir a lonxeva loita da muller pola paz. Ata que non entendamos e implementemos a súa recomendación implícita seguiremos en conflito, cos demais e con nos mesmos e mesmas.

Vivimos nun mundo de présas, onde o importante esvaécese e postérgase sine die perante o urxente. Faise imperiosa a sensibilización e a reflexión sobre de onde vimos e cara onde imos. A pandemia, unha oportunidade de aprendizaxe ante os vindeiros retos, ensinounos que os nosos máis prezados dons son os máis accesibles, e seguirano sendo namentres apostemos por un uso sostíbel dos recursos naturais e coidemos o noso medio ambiente. Pouco nos durou a lección, todos e todas, en parte, somos culpábeis do sistema mundial actual. Fálase constantemente da crise financeira, abren telexornais e ilustran portadas de xornais, cando a nosa maior crise é a moral. Probado está que hai riqueza abondo; é a distribución o que temos que mellorar. As mulleres comezamos a nosa revolución no século XX, unha revolución pacífica e pacifista, que dende o primeiro momento tivo como bandeira a xustiza social. Propuxémonos como tarefa principal reinserir ás e aos “ninguén” resultantes do agresivo sistema social e económico que adoptamos a finais do século XIX. Deseguido chegarían as guerras mundiais e gritaríamos o noso NON rotundo aos enfrontamentos bélicos, non só polas inutilmente tráxicas consecuencias, tamén polo noso compromiso co diálogo e os acordos de paz esenciais na súa resolución. Cal lisístratas modernas, raiando no esperpento, chegamos a recorrer mesmo á folga sexual, que no caso de Liberia foi clave para a paz. O inxente número de asociacións de mulleres pola paz a nivel mundial non fai máis que reflectir a nosa batalla por un mundo sen violencia, unha sociedade feliz.

Si vis pacem, para bellum tería que cambiarse a Si vis pacem, para pacem. Como? Educando para a paz, propiciando a convivencia pacífica a través de valores como a xustiza social, o respecto, a solidariedade, a interculturalidade. Educamos na competitividade, coa conseguinte frustración e sensación de fracaso no noso alumnado, cidadás e cidadáns do futuro. Por que materias como Filosofía ou Valores Éticos non son as máis importantes do currículo? Son das poucas que invitan á reflexión, ao debate, ao diálogo, accións especialmente necesarias nestes tempos tan tecnolóxicos onde a interacción social desaparece e a perniciosa individualidade aumenta.

Á par da educación, sigamos esixindo aos gobernos leis e solucións políticas que miren polo benestar común. Anibal Quijano dicía que “a idea de raza é, con toda seguridade, o máis eficaz instrumento de dominación social inventado nos últimos 500 anos”. Deberíamos engadir a idea de clase, e logo etiquetas como o sexo, a nacionalidade e a relixión que temos inventado para dividirnos. Despoxados dese disfrace social, queda o importante: o ser humano, coas súas calidades e imperfeccións. Practiquemos as que nos honran e melloremos as que nos limitan. Ao final do día, só queda iso que a pandemia nos aprendeu a valorar.

 

E-mail de Contacto | Aviso Legal