ORG. MULLERES DA C. I.   
COMUNICADOS
Día da visibilidade lésbica

 

Ano 2021, e continúa a ser necesario facer un exercicio público de visibilidade das mulleres lesbianas ante a sociedade, como mulleres libres, cidadás de pleno dereito, que deben continuar reclamando o espazo que lles pertence na sociedade. Porque a invisibilidade é un xeito de maltrato.

Hai 17 anos que o marco legal ampara a igualdade, pero a sociedade avanza a outro ritmo e os estigmas seguen a facer dano. Por nos, polas nosas familias, por aquelas mulleres que miran a España coma un referente de igualdade e esperanza. Polas mulleres que loitaron antes e, sobre todo, polas que veñen por detrás, todas aquelas mozas que aínda hoxe sofren actitudes de lesbofobia ao seu redor.

O custo que a pandemia tivo nas relacións, a limitación dos contactos sociais fóra do contorno familiar, deixou a algunhas mozas e mulleres soas nun contorno hostil. Por isto, o profesorado ten que ser especialmente sensíbel, ao igual que outros profesionais socio-sanitarios para detectar, acompañar e dar apoio, tamén, ás alumnas lesbianas. Neste senso, soamente dende a coeducación se poderá construír unha sociedade respectuosa coa diversidade, na que esta sexa considerada coma un valor de crecemento e mellora democrática.

En consecuencia dende a Organización de Mulleres da Confederación Intersindical esiximos ás institucións a formación de profesionais da Educación no traballo polo respecto á diversidade afectivo-sexual e á igualdade de xénero, e o tratamento curricular que se promulga nas normativas vixentes. Que non se mutilen contidos, negando a realidade das persoas LGTB e as súas familias. Desexamos unha sociedade laica que exclúa a relixión do currículo educativo, así como a valoración crítica das desigualdades que permita superar os comportamentos sexistas. E de vez, esiximos a erradicación de calquera tipo de lesbofobia na escola.

Como mulleres non podemos esquecer que na nosa sociedade as diferenzas entre homes e mulleres persisten. A lacra da violencia machista, a fenda salarial, a precariedade laboral son conceptos que nos acompañan. Esta é unha realidade que mudaremos coa solidariedade de todas e todos aqueles que cren na igualdade e a democracia.

Neste día, pedimos ás institucións un compromiso público e firme de apoio á visibilidade lésbica, para que se adopten as medidas necesarias que permitan ás lesbianas igualdade plena no contorno laboral, educativo e social, dun xeito real e efectivo. Esiximos firmeza na aplicación das leis para que non exista posibilidade algunha de sufrir discriminación por motivo de orientación sexual; que os servizos de saúde tomen conciencia das relacións sexuais entre mulleres e tomen conciencia desta realidade para garantir unha atención completa e adecuada. Reclamamos que se realicen estudos, estatísticas e mostraxes do mesmo xeito que se fai con outros colectivos. Así coma campañas para a prevención das infeccións de transmisión sexual e para a prevención do cancro de mama e útero orientadas a este colectivo.

Por último, dende a Organización de Mulleres de CI, queremos agradecer e sinalar a loita das mulleres lesbianas, durante toda a historia, polos dereitos de todas as mulleres, coa súa presenza en todas as mobilizacións e reivindicacións, así coma co seu traballo incansábel polas liberdades.

 

E-mail de Contacto | Aviso Legal