ORG. MULLERES DA C. I.   
COMUNICADOS
Día Internacional das Nenas nas TIC

 

O cuarto martes do mes de abril celébrase o Día Internacional das Nenas nas TIC, que ten por obxecto alentar ás nenas e á mocidade a considerar a posibilidade de orientar os seus estudos e profesións ao campo crecente das TIC, e empoderalas para elo.

Para comezar, é necesario clarificar o concepto de fenda dixital de xénero, que o Instituto Nacional de Estatística define como a diferenza da porcentaxe de homes e a porcentaxe de mulleres nos indicadores TIC (uso de internet nos últimos tres meses, uso frecuente de internet, compras por internet) expresada en puntos porcentuais. Oxfam Intermón especifica que este concepto refírese á inferioridad que ten a muller con respecto ao home no acceso á información, ao coñecemento e á educación mediante as TICs.

En 2019, a Secretaría de Estado para o Avance Dixital publiou o Libro Branco das mulleres no ámbito tecnolóxico, no que se analizan os factores que inciden na fenda dixital de xénero no sector tecnolóxico, e no que se propoñen medidas para reducir as desigualdades. Conclúe que é responsabilidade de todos e de todas: do sistema educativo, das familias, dos gobernos, das tecnolóxicas, dos medios de comunicación, de quen están en contacto coa infancia, coa xuventude, de quen produce contidos dirixidos á infancia e á mocidade, dos medios de comunicación, etc.

Tal e como afirman González-Palencia, R. y Jiménez, C. en La brecha de género en la educación tecnológica: “Se tomamos como punto de partida que non existe unha diferenza salientable de capacidade entre homes e mulleres en talento matemático, é necesario afondar en factores como o interese, a confianza, a motivación e o autoconcepto para tentar explicar por que as rapazas se sinten menos seguras e menos chamadas que os seus compañeiros varóns por esta ciencia instrumental.”

Recóllese no Libro Branco que cada vez máis investigacións evidencian que os estereotipos de xénero están na orixe deste fenómeno. É unha aprendizaxe que se inicia na infancia e cristalízase durante a adolescencia na elección dos estudos e os proxectos profesionais. A conciencia de que se é un neno ou unha nena xa se ten entre os dous e os tres anos. Nos dous seguintes, entre os catro e os seis, aprenden que serán unha muller ou un home cando crezan. A esa idade, os nenos e as nenas xa teñen un coñecemento do que resulta apropiado para cada sexo segundo a cultura á que pertencen; aos cinco anos posúen xa toda unha constelación de estereotipos. O estereotipo de que os homes son mellores que as mulleres en matemáticas, informática ou física, prexudica o rendemento das mulleres neste dominio e socava o seu interese en campos de estudo ou actividades de ocio, onde estas disciplinas son requiridas con máis intensidade. O xénero ten impacto na percepción das propias habilidades.

Ao mesmo tempo, o Fondo Monetario Internacional subliña os beneficios que tería para as economías mundiais unha participación equitativa de mulleres e homes no mercado de traballo, que nalgúns países poderían disparar o PIB até un 34%. A Organización Internacional do Traballo (axencia da ONU para o mundo do traballo) calcula que se España pechara a súa fenda de xénero laboral un 25%, o seu produto interior bruto crecería en 34 mil millóns de dólares.

Dende a Organización de Mulleres da Confederación Intersindical queremos aproveitar a conmemoración do Día Internacional das Nenas nas TICs para instar ao conxunto da sociedade a actuar no ámbito que lle corresponda (educadores, familias, gobernos, empresas tecnolóxicas, medios de comunicación, etc.) para reducir a fenda dixital de xénero, perniciosa non só para as mulleres, senón para o conxunto da sociedade. Non pode haber unha economía dixital nin unha sociedade dixital sn contar con máis da metade da poboación, as mulleres.

 

E-mail de Contacto | Aviso Legal