ORG. MULLERES DA C. I.   
COMUNICADOS
Día Europeo pola Igualdade Salarial entre Mulleres e Homes

 

O 22 de febreiro, Día Europeo pola Igualdade Salarial entre Homes e Mulleres, temos que recordar, como cada ano, a brecha salarial de xénero que continúa a ser unha terrible realidade en todo o Mundo.

Somos as mulleres quen realizamos a práctica totalidade das tarefas de coidados de menores, dependentes e persoas maiores. A mor parte destes coidados realízanse de forma non remunerada e, cando se trata de empregos neste sector, nunha importante proporción en condicións de precariedade, temporalidade e inseguridade. O feito de facerse responsábel dos coidados condiciona a elección de empregos remunerados neste ou noutros sectores, sendo as mulleres quen sufrimos maioritariamente as condicións de traballo que levan os empregos parciais ou por horas. A dobre explotación que isto supón durante a vida laboral esténdese máis alá da idade de xubilación e tradúcese nunha dobre penalización; cunhas pensións que nos condenan á pobreza na vellez e, de novo, colócannos en situación de discriminación respecto dos homes.

A diferencia salarial entre homes e mulleres non foi erradicada tampouco en Europa. O tratado de funcionamento da Unión Europea di: "Cada Estado membro garantirá a aplicación do principio de igualdade de retribución entre traballadores e traballadoras para un mesmo traballo ou para un traballo de igual valor". O mesmo principio de igualdade de retribución estaba incluído no Tratado de Roma xa en 1957. Porén, a brecha salarial existe. As medidas correctoras tomadas polos Estados non son suficientes ou non son as adecuadas para erradicar a fenda salarial. As nosas ocupacións, os sectores nos que traballamos, o tipo de xornada e contrato que padecemos, a renuncia ou o aprazamento da nosa carreira profesional para coidar das persoas dependentes, e un conxunto de factores sociais, legais e económicos manteñen, de xeito vergoñento, a brecha salarial. Aínda hoxe, as mulleres en Europa, facendo o mesmo traballo que os homes, perciben un menor salario.

A educación, como única vía para fomentar e promover a igualdade, é a aposta para garantir a igualdade de trato e de oportunidades de mulleres e homes no emprego. Precisamos un modelo educativo que, dende a Educación Pública, afiance a formación en igualdade e a coeducación, garanta a permanencia das nenas e mozas no sistema educativo, promova unha orientación non sexista no acceso a carreiras técnicas e impulse o acceso das mulleres a cargos de responsabilidade nos centros e na administración educativa.

Dende a Organización de Mulleres da Confederación Intersindical, esiximos un compromiso social e político para facer cumprir as leis existentes e avanzar no camiño que permita que nun futuro próximo, a brecha salarial entre homes e mulleres sexa un mal recordo para as nenas e nenos do mañá.

 

E-mail de Contacto | Aviso Legal