INFORMACIÓNS VARIAS   
INFORMACIÓNS VARIAS
Comunicado da Asemblea de Mulleres do STEG
“Rebeldes e Transgresoras”

Ao longo dos anos, as mulleres que deixaron o seu extenso legado literario tiveron que facelo, primeiro ás agochadas, utilizando pseudónimos masculinos para que as súas obras visen a luz, nomes neutros, para evitar a etiqueta “de mulleres”... Máis tarde as mulleres, consideradas cidadás de segunda, tiveron a necesidade de rebelarse contra o sometemento intelectual e moral en todos os ámbitos da literatura: ensaístas, poetas, dramaturgas, novelistas, filósofas…

Esas escritoras rebeláronse nos seus textos e sentaron as bases que levaron ás mulleres a esa especie de xustiza literaria que mostra a riqueza da palabra, ensinando o talento feminino intrínseco das escritoras que agora libres, suman ademais, mulleres que escriben cómics, fanzines… atrévense con todos os xéneros: fantasía, ciencia ficción, novela negra, de terror…

A transparencia nos criterios de selección de obras, lecturas a cegas e indicadores claros, demostra que as editoriais que utilizan estas boas prácticas, publican máis obras escritas por mulleres. Aínda que segundo as estatísticas, segue sendo de proporción menor as publicadas por mulleres que por homes. Pola contra, o número de letoras é maior, e len indistintamente sexan escritores ou escritoras, mentres que os homes len maioritariamente a escritores antes que a escritoras.  

A crítica literaria, maioritariamente escrita por homes, aconsella libros escritos por homes en porcentaxes demasiado altos, por cada tres que nomea só un é dunha escritora. Si falamos de premios literarios de prestixio, atopamos que aínda que avanza a literatura escrita por mulleres, seguen sendo premiados maioritariamente eles. Si buscamos referencias de autoras, podemos chegar a atoparnos con que non existen, como ocorreu co recente Premio Nobel de Física, Donna Strickland, cuxo perfil non estaba recollido en Wikipedia, exemplo práctico da invisibilización das mulleres.

A escritura require tempo e soidade para desenvolvela, tempo que segue sendo ocupado polas necesidades familiares básicas que recaen maioritariamente sobre as costas das mulleres.  

Pero o talento e a intelixencia das escritoras, a pesar das críticas literarias que as ningunean, dos premios tan escasos ou dos convencionalismos sociais, segue facendo que sexan rebeldes e transgresoras como as súas predecesoras, non cesan no seu empeño de demostrar a súa creatividade.

Leamos a mulleres, fomentemos as publicacións escritas por mulleres, escribamos con linguaxe inclusivo, eduquemos nas escolas e universidades a ler textos de mulleres, deixemos espazo para todos os relatos, todas as miradas, salgamos dese estreito espazo que sitúa ao home como centro de todas as cousas, e sigamos promovendo a corresponsabilidade nos coidados para que de verdade todas as persoas estean presentes na cultura, na literatura e na arte.

 “Poetas, non perdamos o tempo, traballemos, que ao corazón chégalle pouco sangue”.

Gloria Fortes

-
documento en pdf

                                                                      
COMUNICADO DA ASEMBLEA DE MULLERES DO STEG E DA ORGANIZACIÓN DE MULLERES DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL
 

E-mail de Contacto | Aviso Legal