INFORMACIÓNS VARIAS   
INFORMACIÓNS VARIAS
Comunicado da Asemblea de Mulleres do STEG
DECIDIMOS SOBRE A NOSA SAÚDE, O NOSO CORPO, A NOSA VIDA SEXUAL. OS DEREITOS SEXUAIS E REPRODUTIVOS SON DEREITOS HUMANOS.

Un ano máis a Asemblea de Mulleres do STEG súmase a este día de Acción Global para seguir esixindo que se cumpran os dereitos que son inherentes a todo ser humano: o dereito á liberdade sexual, á autonomía, integridade e seguridade sexuais do corpo, o dereito á privacidade sexual, o dereito á equidade sen discriminacións de xénero, orientación sexual, raza, clase social, relixión ou limitación física. O dereito ao pracer e á expresión sexual emocional, o dereito á libre decisión de contraer matrimonio, divorciarse; á toma de decisións reprodutivas libres e sen coaccións, o dereito á información, o dereito á educación sexual integral, ao da atención da saúde sexual.

Vimos duns anos nos que coa escusa da crise-estafa os gobernos recortaron orzamentos sanitarios públicos e dereitos reprodutivos, que nestes días e a pesar da suposta recuperación económica, que só parece que afecta as cifras macroeconómicas e non á cidadanía, vanse restituíndo con contagotas e só algúns deles.

A sanidade universal e a reprodución asistida volve a discriminar a mulleres lesbianas ou soas. Pero  segue a mantersedo o copago sanitario que dificulta a anticoncepción, sendo especialmente difícil o acceso aos dispositivos intrauternios e implantes anticonceptivos que, como o preservativo, non están financiados polo Sistema Nacional de Saúde. A pílula anticonceptiva ou do día despois é difícil de conseguir para as mulleres máis novas, non só polo seu elevado custo, senón tamén porque moitas farmacias seguen negándoa por motivos ideolóxicos.
 
A violencia obstétrica segue mantendo cifras escandalosas de cesáreas na sanidade privada, preto do 40% dos partos e do 20% na sanidade pública, moi por encima das recomendacións da Organización Mundial da Saúde. Ademais da normalidade das episiotomías, a medicalización do parto e o resto do seu ciclo vital e reprodutivo, e a falta de formación específica en xénero entre o persoal sanitario.

 Falamos de violencias sexuais crecentes, que tras a sentenza do caso de “a manada” sabemos o barato que sae abusar sen pudor nin medo a mulleres indefensas violando o seu dereito á integridade e seguridade sexual do seu corpo.

    A ONU recomendou ao Estado Español eliminar os obstáculos que dificultan o acceso das mulleres á Interrupción Voluntaria do Embarazo, garantir a súa cobertura universal e revisar a tutela pública sobre as menores de 16 e 17 anos. Pero esas recomendacións que datan do ano 2015 non foron levadas a cabo. É difícil que as mulleres poidan abortar en hospitais públicos, sendo derivadas a concertados ou privados (que fan o 90% dos IVEs), ás veces tendo as mulleres que ir a outras comunidades pois non hai servizos autonómicos. Nalgunhas delas onde o signo ideolóxico de dereitas segue gobernando, as mulleres teñen que soportar, durante días, charlas pro-vida e información sobre o embarazo e a maternidade.

A regulación da obxección de conciencia en España é contraria ao artigo 12 da convención CEDAW sobre Saúde das Mulleres xa que considera discriminatorio que prevaleza o dereito á obxección sobre o dereito á prestación.

O aborto voluntario fóra dos prazos e supostos sinalados pola lei segue figurando no Código penal, penalizando gravemente ás mulleres e ao persoal sanitario que o practica.

 Queda moito traballo por facer neste país que segue sendo machista e conservador para que os dereitos sexuais e reprodutivos, como dereitos humanos que son, deixen de ser obstaculizados ou directamente violados.

Esiximos ao goberno a implantación obrigatoria de unidades IVE en todos os hospitais públicos garantindo a atención directa ás usuarias. Esiximos a despenalización do aborto do Código penal. Esiximos a revisión da carteira de servizos do sistema sanitario de saúde onde se inclúan os métodos anticonceptivos, especialmente aqueles máis utilizados e universais. Esiximos a educación afectivo-sexual obrigatoria en todas as etapas educativas e a formación en todas as instancias que atenden ás mulleres vítimas de violencias machistas, especialmente no poder xudicial. Esiximos a estrita vixilancia de todos e cada un dos nosos dereitos sexuais e reprodutivos.

Non queremos deixar pasar este día de reivindicación sen facer mención á loita verde das nosas irmás arxentinas que puxeron a toda Latinoamérica en pé de guerra para que os dereitos das mulleres comece a  ser respectado Baixo o lema “Polo dereito para decidir” o movemento feminista arxentino deu unha lección ao mundo impagable: que non hai gobernos nin sociedades que freen ás mulleres unidas na defensa dos seus dereitos. Hoxe tamén nos unimos ás súas voces e esiximos o aborto legal para non morrer.

- documento en pdf

Asemblea de Mulleres do STEG
Madrid, 28 de septiembre de 2018
 

E-mail de Contacto | Aviso Legal