INFORMACIÓNS VARIAS   
INFORMACIÓNS VARIAS
Comunicado da Asemblea de Mulleres do STEG
O 26 de abril conmemoramos o Día da Visibilidade Lésbica, unha data para lembrar a importancia de que as mulleres lesbianas sexamos visibles no espazo público, que sexamos referentes en todos os ámbitos e non soamente no do activismo polos dereitos LGTBI.
Fai falta lembrar que as mulleres lesbianas somos dobremente discriminadas, polo noso sexo e pola nosa orientación sexual. Somos invisibilizadas polo sistema patriarcal en todos os ámbitos sociais, dado que só se impón o modelo heterosexual.
Se había épocas en que o propio Estado era o que penaba e perseguía a homosexualidade, a loita contra a lesbofóbia ten que pasar inevitablemente porque as institucións outorguen o recoñecemento que se merecen aos movementos LGTBI e ao feminismo, sen a loita dos cales non se conseguiron algúns dereitos fundamentais.
Ser lesbiana continúa sendo un estigma castigado e perseguido en moitos países do mundo. Noutros, que aos que chamamos desenvolvidos, segue sendo difícil facerse visible.
Desde os crimes por odio ás violacións correctivas, as violencias machistas que sufrimos as mulleres lesbianas son moitas. A miúdo a única protección ante elas é ser invisible, contribuíndo así á invisibilidade á cal nos somete tamén a sociedade. Unha sociedade patriarcal que segue negando a realidade, ocultando que as mulleres somos máis da metade.
As loitas polos dereitos LGTBI foron posibles pola visibilidade de homes homosexuais, pero onde quedan as activistas lesbianas, bisexuais, transexuais... Invisibilizadas como no resto de loitas e de ámbitos.
A historia segue estando escrita polos homes. A presenza de lesbianas é moito menor que a de gais en todos os ámbitos sociais, a política, a cultura ou a historia. A falta de referentes de lesbianas no mundo público dificulta máis que «saian do armario” outras. Se o que non se nomea, non existe, temos que visibilizar o compromiso político e social para acabar con toda discriminación e a incorporación de todas as mulleres, con independencia da súa orientación ou identidade, en calquera dos ámbitos sociais.
No estado español, a invisibilidade social do lesbianismo, o acoso escolar e as agresións aumentan de forma alarmante. Ademais, os recortes en gasto social e en políticas de igualdade ou a precariedade laboral han afectado máis ás lesbianas, excluídas tamén de recursos en materia de violencia de xénero. Dobremente discriminadas.
Hoxe lembramos de novo que esta invisibilidade ten consecuencias. Por exemplo, na atención sanitaria que reciben as lesbianas. Os protocolos xinecolóxicos e as políticas de prevención de ITS non contemplan as prácticas sexuais entre mulleres ademais de que o Goberno do estado excluíu ás lesbianas da reprodución asistida. No sector educativo, non se trata a diversidade sexual nos centros escolares, dando un tratamento e un enfoque puramente heterosexual.
Vemos que os nosos dereitos son atacados por unha sociedade hetero-patriarcal que nos invisibiliza e relega ao ámbito privado. Somos mulleres, lesbianas, bisexuais, autónomas, diversas. A diversidade nunca pode ser motivo de exclusión e discriminación. Queremos igualdade real e efectiva para todas, ser libres para elixir a nosa sexualidade, afastada do modelo hetero-patriarcal. Queremos ser as protagonistas porque a invisibilidade condénanos. Demos unha portada nos armarios pola visibilidade lésbica!

-documento en pdf

                                                                                                               Asemblea de mulleres do STEG
26 de abril de 2018
 

E-mail de Contacto | Aviso Legal