INFORMACIÓNS VARIAS   
INFORMACIÓNS VARIAS
Comunicado da Asemblea de Mulleres do STEG
6 DE FEBREIRO DIA INTERNACIONAL POLA TOLERANCIA CERO COA MUTILACIÓN XENITAL FEMININA

“O feminismo que avoga exclusivamente por e para as privilexiadas non é feminismo"
                                                                     Raquel Rosario Sánchez

Un ano máis conmemoramos o Día Internacional de Tolerancia Cero coa Mutilación Xenital Feminina, e un ano máis millóns de nenas sufriron unha das peores violencias que se exerce contra as mulleres. Nenas que van desde a lactación ata a adolescencia , a quen se lles extirpa o clítoris, os beizos menores e maiores, estréitaselles a abertura vaginal, se lles raspa ou cauteriza a zona xenital, etc.

A OMS calcula que uns 200 millóns de nenas e mulleres vivas foron vítimas desta violencia. Cada ano, tres millóns máis se atopan en situación de risco de sufrila.

A xeografía do horror esténdese por África, Oriente Medio e Asia, pero tamén por aqueles países aos que migraron poboacións que practican a MGF. Calcúlase que en Europa hai unhas 500.000 mulleres que sufriron a MGF, e que cada ano unhas 180.000 están en risco de sufrila. Con todo, só existen leis específicas na súa contra en Suecia e Gran Bretaña. No Estado Español, só nalgúns territorios existen programas de prevención e detección de risco para as nenas cuxas familias proceden desas sociedades.

A MGF non ten ningunha xustificación médica, nin tampouco relixiosa. Practícase en ámbitos cristiáns, musulmáns e animistas. As presuntas razóns que amparan esta "tradición" van desde a necesidade da aceptación social, de non ser diferente, ata forzar á muller para ter unha conduta sexual "aceptable": virxe ata o matrimonio, fiel despois del. A MGF é unha forma extrema de violencia que exerce a sociedade patriarcal para someter ás mulleres. Mulleres que, non o esquezamos, sofren toda a súa vida as consecuencias físicas e psíquicas da mutilación.

A Asemblea de Mulleres do STEG e a Organización de Mulleres da Confederación Intersindical loita contra todas as formas de violencia e discriminación contra as mulleres e por iso hoxe, 6 de febreiro, Día Internacional pola Tolerancia Cero coa MGF, quere unirse a todas as voces que reivindican a súa abolición total.

-documento en pdf


                                                                                            6 de febreiro de 2018
                                                                                            Asemblea de Mulleres do STEG
                                                                                            Organización de Mujeres de la Confederación Intersindical
 

E-mail de Contacto | Aviso Legal