INFORMACIÓNS VARIAS   
INFORMACIÓNS VARIAS
Manifesto da Asemblea de Mulleres do STEG
En 2007, a Asemblea Xeral da ONU estableceu o 15 de Outubro como Día Internacional das Mulleres Rurais en recoñecemento “á función e  contribución decisivas da muller rural, incluída a muller indíxena, na promoción do desenvolvemento agrícola e rural, na mellora da seguridade alimentaria e a erradicación da pobreza rural”.
Na actualidade, as persoas que se dedican á agricultura, a pesca e o pastoreo atópanse nunha situación límite en relación coa inseguridade alimentaria, xa que as temperaturas aumentan, os patróns climáticos son cada vez menos predicibles e os desastres climáticos son cada vez máis frecuentes. As mulleres rurais son clave nas economías de todo o mundo, como pequenas agricultoras, que garanten a alimentación adecuada para as familias, como encargadas do coidado do gando e cubrindo as necesidades de coidado da contorna familiar.
O patriarcado afecta de maneira especial ás mulleres rurais dificultándolles o acceso ao emprego, especialmente ás máis novas.
A precariedade  laboral cébase nelas, porque os seus compañeiros masculinos logran ter un maior acceso ao emprego remunerado, as mulleres sofren maiores índices de temporalidade, traballan maioritariamente sen cotizar á Seguridade Social, con traballos intermitentes, mal pagos ou invisibilizados. Moitas delas tamén traballan como empregadas de fogar ou na  asistencia a persoas dependentes e a pesar dos intentos de facer aflorar toda esta economía a maior parte delas ségueno facendo no mercado negro. A inmensa maioría das empregadas rurais teñen uns soldos que utilizan como ?complemento? na economía familiar.
Ademais de ter  estes empregos precarios deben, ademais cubrir as necesidades de coidado da súa contorna familiar encargándose na súa propia casa de traballos no campo, coidado do gando e de coidados familiares de persoas dependentes (ou non).
En todo caso son poucas as que logran un soldo digno que lles permita ter unha verdadeira liberdade de elección. Son as primeiras en ter que deixar o seu posto de traballo para atender as dependencias familiares porque ese é o rol que nos asignou o patriarcado. As condicións de vida que teñen que sufrir fan que se perpetúe o control familiar e dificultan as posibilidades de emancipación ou independencia.
Os últimos datos do Ministerio de Agricultura, a data 1 de agosto de 2016, indican que nestes cinco anos, só 200 mulleres déranse de alta na totalidade do Estado na Lei de Titularidade Compartida das Explotacións Agrarias. En Galicia só 14.
De todas as maneiras hai unha nova xeración de mulleres no mundo rural, mulleres innovadoras, emprendedoras e que fixan poboación nas súas contornas locais que defenden a soberanía alimentaria e que teñen que ver dignificado o seu traballo cunhas condicións laborais xustas. Un exemplo destas novas experiencias é FADEMUR (Federación de Asociacións de Mulleres Rurais) Galicia que lanzaba este ano  “unha marca de leite 100% galega e 100% feminista: toda a produción procede de explotacións galegas xestionadas por mulleres”. “quen a consuma apoiarán ás mulleres rurais, a economía máis ligada ao territorio e a produción de proximidade coa que se reduce a pegada de carbono porque ademais usan técnicas máis respectuosas co medio ambiente e co benestar animal”.




Por todo isto manifestamos que:
- Mellorar a situación das mulleres rurais pasa por recoñecer o seu valor fundamental, visibilizando o seu traballo e necesidades, fomentando a súa capacidade emprendedora, empoderamiento e toma de decisións, facilitando a conciliación da vida laboral e persoal e o coidado de descendentes e dependentes.
- Erradicar as desigualdades no ámbito rural é un deber do goberno que implica ao conxunto da sociedade e que redundará en beneficio da economía, evitando o despoboamento e o envellecemento poboacional.
- É necesario o incremento de medios e accións para combater as desigualdades no medio rural e avanzar cara a un desenvolvemento sustentable e integrador de todas as necesidades e diversidades.
- É imprescindíbel o desenvolvemento e impulso da Lei de Titularidade Compartida, garantir a súa aplicación, informando e divulgando a norma, realizando o seguimento sobre a súa aplicación e as accións que sexan necesarias para que a súa implantación en todo o ámbito rural sexa unha realidade.
- A educación e formación das mulleres no ámbito rural é un deber do goberno, como o é o acceso á sanidade e aos servizos asistenciais. Os recortes efectuados polos gobernos frearon os débiles avances obtidos en dereitos. É imprescindible reverter eses recortes e investir neste campo.
- Son necesarias medidas para fomentar o asociacionismo das mulleres rurais e unha coordinación entre as administracións públicas para loitar contra a desigualdade no  medio rural. Urxe unha política de estado baseada no respecto á diversidade, o desenvolvemento sustentable e o medio ambiente.

 
POLAS MULLERES RURAIS E O SEU EMPODERAMENTO, POLA SOBERANÍA ALIMENTARIA.

-documento en pdf



                                                                                                         Asemblea de Mulleres do STEG
                                                                                                         O. M. da Confederación Intersindical

15 de outubro de 2017
 

E-mail de Contacto | Aviso Legal