INFORMACIÓNS VARIAS   
INFORMACIÓNS VARIAS
Comunicado da Asemblea de Mulleres do STEG
O Día Internacional das Mulleres pola Paz e o Desarme instaurouse o 24 de maio de 1982 por grupos pacifistas de mulleres europeas, para lembrar as campañas realizadas polas británicas que se opuxeron á OTAN e á instalación das súas bases militares. Hoxe, esta conmemoración serve para lembrar ao mundo a violencia que sofren as mulleres nos conflitos e post conflitos armados.

A Resolución 1325/2000 do Consello de Seguridade da ONU, é a primeira en que se tratou o efecto desproporcionado e singular do conflito armado nas mulleres. Nesta resolución sublíñase a importancia de que as mulleres participen en pé de igualdade e interveñan plenamente na prevención e solución dos conflitos, a consolidación e o mantemento da paz. Tamén insta os Estados Membros a que garantan a participación en pé de igualdade e a plena participación en todos os esforzos para manter e promover a paz e a seguridade e insta todos os axentes a que aumenten a representación da muller e incorporen unha perspectiva de xénero en todas as esferas da consolidación da paz.

Recoñecendo o efecto que ten a violencia sexual nos conflitos no mantemento da paz e a seguridade, o Consello de Seguridade da ONU aprobou a resolución 1820 do Consello de Seguridade en que se vincula explicitamente a violencia sexual como táctica de guerra coa muller, a paz e a seguridade. As mulleres que se atopan en zona de conflito bélico teñen dobre perigo; o derivado do propio conflito e, ademais, a violencia sexual que poden sufrir por parte dos homes que están nese conflito.

Pero non só as mulleres en zonas bélicas sofren violencia sexual. As mulleres migrantes son tamén moi vulnerábeis, así en Mexico estímase que 6 de cada 10 mulleres migrantes sofren violencia sexual no  seu camiño na procura do soño americano. As mulleres sirias no seu periplo tamén sufriron violencia sexual aínda que é difícil obter datos polo hermetismo destas ante posibles represalias. O mesmo ocorre coas mulleres migrantes africanas.

A vulnerabilidade das mulleres é un feito e ante esta situación a OM Intersindical esixe:

- Que se aborden as necesidades e vulnerabilidades específicas das mulleres e nenas como resposta á crise migratoria e de persoas refuxiadas, para mitigar as graves consecuencias médicas e psicolóxicas que causan as migracións traumáticas.

- Que se facilite que as mulleres teñan dereito a reclamar asilo e, dado que o dominio patriarcal das súas sociedades négalles dereitos, o poidan facer de maneira independente.  

- Que se protexa ás mulleres refuxiadas fronte á violencia e se recoñeza a violencia contra as mulleres como unha forma de persecución de acordo coa Convención sobre os Refuxiados das Nacións Unidas.

- Que se dean respostas con garantías de xénero de acordo coas normas de dereitos humanos tanto aos conflitos armados como ao drama das persoas refuxiadas e desprazadas.
- Que se destinen partidas económicas específicas para responder as necesidades específicas das mulleres e para promover a igualdade de xénero e empoderar as mulleres das zonas en conflito.

-documento en pdf



                                                                                                                              Asemblea de Mulleres do STEG
                                                                                                                              Organización de Mulleres da Confederación Intersindical
                                                                                                                               24 de maio de 2017
 

E-mail de Contacto | Aviso Legal