INFORMACIÓNS VARIAS   
INFORMACIÓNS VARIAS
Valoración da Asemblea de Mulleres do seu nomeamento
Dende a Asemblea de Mulleres do STEG non esperabamos que este goberno cobrase tintes progresistas; é sabido que Rajoy sempre se caracterizou por nomear gabinetes conservadores, pero o nomeamento de Dolors Montserrat como ministra de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade non pode menos que indignarnos.  As súas declaracións contra o dereito das mulleres a decidir sobre os nosos corpos son coñecidas por todas, igual cá súa participación na manifestación antiabortista. A nova ministra tamén se manifesta a favor da custodia compartida imposta, un réxime que profesionais e o movemento feminista coinciden en cualificar de nefasto para as nenas e nenos e que lles deixa nunha situación de desprotección a eles e ás mulleres vítimas de maltrato. Por último, Dolors Montserrat está en contra do sistema de cupos, necesarios para o reparto de postos de responsabilidades e decisión mentres perdure a discriminación de xénero.  Non esperabamos unha persoa abertamente feminista pero si alguén respectuosa, polo menos, cos dereitos das mulleres. Lamentabelmente, sospeitamos que con Dolors Monstserrat van perpetuarse as desigualdades, e corren perigo os dereitos acadados polas loitas feministas. O perfil político desta ministra  ten que manternos alerta e non permitirmos así que se apliquen políticas cada vez máis restritivas para as mulleres.
Nesta nova lexislatura a paridade non é unha das súas prioridades, ¿só 5 mulleres de entre as 14 persoas que formarán goberno? Algo que xa agardabamos, pero que igualmente temos que salientar porque continúa a desigualdade onde tiñamos que atopar exemplo.
Hai un ano da gran marcha do 7N en Madrid, miles de persoas esixiamos ao goberno políticas en contra das violencias cara ás mulleres, e que se considerase cuestión de Estado; lonxe de acadar avances, os orzamentos para a erradicación das violencias cara ás mulleres minguaron. Por este motivo, e diante do perfil político desta nova ministra, debemos manternos alerta. Seguiremos a traballar, con máis enerxía se cabe e loitando polos dereitos das mulleres.


-documento en pdf
 

E-mail de Contacto | Aviso Legal