Concurso de Traslados
  Mesa Sectorial
  Xuntas de Persoal
  Profesorado Interino
  Oposicións
  Destinos Provisionais
  STEG Opina
  Lingua galega
  Escola laica
  FP
  Universidade
  Recursos/Publicacións
  Convocatorias anuais
  Máis Iniciativas/Campañas
  Retribucións
  Xubilacións
  Formación STEG
  Permutas
  Bolsas de Traballo
  Eleccións sindicais
  Avisos
  Informes educativos/webs
  Educación no Rural
  Educación Exterior
  Reseñas DOG
 Lexislación
Publicacións
Necesita el Flash Player y activar Javascript.
Colaboracións STEG
Necesita el Flash Player y activar Javascript.
  STEG OPINA   
CURSO 2020-2021
Carta do STEG ao Conselleiro e á Valedora do Pobo
O STEG vén de remitirlle, a través da Secretaría de Organización do STEG, unha carta ao Conselleiro de Educación e á Valedora do Pobo, en relación ao período de adaptación de Educación Infantil e ás modificacións substanciais do mesmo que se recollen no borrador da nova Orde de calendario escolar para o vindeiro curso, publicada pola Consellería de Educación.

Pode lerse a continuación:

Lois Pérez Díaz

Secretario de Organización do STEG

Sindicato de traballadoras e traballadores do ensino de Galiza

Prezado Señor Conselleiro de Educación:

Dirixímonos a vostede en relación ás intencións, manifestadas en firme pola Consellería de Educación da que vostede é titular, de reducir o actual período de adaptación vixente para o alumnado de Educación Infantil –contemplado na ORDE do 25 de xuño de 2009 pola que se regula a implantación, o desenvolvemento e a avaliación do segundo ciclo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galiza- pasando dos 10 días lectivos que, con carácter xeral, se reservaban a este fin, a 8 días para este curso (como reflicte o borrador da Orde pola que se aprobará o calendario escolar para o curso 2021-2022 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galiza).

A este respecto, cómpre ter en conta que o curso pasado, por mor da COVID, o período comprendeu 15 días lectivos, mostrando este intervalo de tempo unha valoración moi positiva e moito máis acaída ao seu obxectivo por parte dos diferentes axentes da comunidade educativa (familias e profesorado).

O motivo da nosa queixa fundaméntase ademais, no carácter voluntario que o novo texto do calendario escolar lle atribuiría a este período por parte das familias. E esta cuestión, polos motivos que procedemos a sinalarlle, non pode quedar ao criterio das familias –sen menoscabo da importancia do seu parecer ao respecto da organización educativa-, pero con frecuencia suxeito a esixencias e condicionantes do eido laboral, privado, etc que poden condicionar notabelmente un dereito da infancia como é o dereito á educación a través dunha escolarización efectiva, facéndoo ademais en condicións plenas.

Como vostede saberá, o primeiro contacto das crianzas coa escola é un elemento fundamental para as aprendizaxes que as guiarán ao longo da vida e constitúe, ademais, un momento sensíbel que comporta implicacións emocionais, cognitivas, pedagóxicas e sociais de primeira orde. Neste senso, por tanto, a escola transcende unha función puramente asistencial e constitúe un ecosistema de afectos e aprendizaxes que van condicionar o desenvolvemento harmónico das meniñas e os meniños de aquí en diante.

A verdadeira aprendizaxe do período de adaptación é encontrarse e separarse; é compartir experiencias fóra da casa con outras persoas (as iguais e as adultas) distintas, nun marco institucional organizado e seguro, resolvendo situacións de aprendizaxe novas que interpelan as capacidades da persoa e as súas necesidades de afectos e seguridade.

Chegar por primeira vez a un lugar novo non é doado. Neste proceso de adaptación as nenas e os nenos deben coñecelo, facelo propio, chegar a gozalo, estableceren vínculos de relación e afectos. Isto leva o seu tempo, de aí a consideración de sentir o proceso de adaptación como unha necesidade fundamental do alumnado. Esta consideración debe aplicarse tanto para o alumnado do primeiro ciclo como do segundo, xa que o feito de que asistise á escola infantil de primeiro ciclo non garante que sexa máis doada a adaptación á escola infantil de segundo ciclo.

A adaptación, por tanto, constitúe un proceso complexo no cal se desenvolven unha serie de relacións intersubxectivas entre familias, o persoal docente, as nenas e os nenos e por medio da cal se construirán vínculos entre elas e eles. Esta experiencia converterase ademais na cerna das relacións sociais que as crianzas vivirán ao longo do seu paso polo sistema educativo.

A adaptación, igualmente, é de cadaquén, é unha conquista persoal que implica un proceso interno no que os tempos e as interaccións son individuais, intransferíbeis, tinxidos ademais de emocións e de vivencias, de esperas e de experiencias propias e compartidas, de medos e xogos, desexos e inquedanzas.

Este período non ten unha duración fixa para todas e todos, xa que é algo que a propia nena e o propio neno ten que elaborar. Por iso é importante respectar os tempos individuais e non tentar forzar nin acelerar o proceso, nin establecer comparanzas, entendendo a cada crianza como unha persoa única e diferente. Neste mesmo senso hai que considerar a duración do período para o alumnado con necesidade específi ca de apoio educativo e mesmo establecer, se cumprir, un plan individualizado. Todo isto debe contemplarse dende plans que atendan á diversidade do alumnado, polo que a flexibilidade deberá ser a característica básica de calquera plan de adaptación.

Polos motivos aquí expostos é polo que xulgamos que as intencións expresadas pola Consellería de Educación contraveñen de xeito moi evidente e a este respecto as funcións que a nosa sociedade lle encomenda á escola pública; pouco ou ningún é o beneficio desta medida e moito puidese ser o perxuízo. É por isto e, tamén, polas funcións que se lle atribúen ao cargo que representa, polo que nos diriximos a vostede para que faga valer non só os dereitos da cidadanía, senón os da infancia, garantindo a función emancipadora, reequilibradora da xustiza social e garante de dereitos que a escola debe cumprir, transmitíndolle ao tempo a nosa maior confianza no entendemento pola súa parte dos nosos motivos.


-carta en pdf ao Conselleiro

-carta en pdf á Valedora do Pobo

Sen outro particular e, quedando á súa disposición, reciba un cordial saúdo de quen lle escribe, atentamente,

 

Secretaría de Organización do STEG                                       Lugo, 28 de abril de 2021

 

 

prodesin.com E-mail de Contacto | Aviso Legal