Concurso de Traslados
  Mesa Sectorial
  Xuntas de Persoal
  Profesorado Interino
  Oposicións
  Destinos Provisionais
  STEG Opina
  Lingua galega
  Escola laica
  FP
  Universidade
  Recursos/Publicacións
  Convocatorias anuais
  Máis Iniciativas/Campañas
  Retribucións
  Xubilacións
  Formación STEG
  Permutas
  Bolsas de Traballo
  Eleccións sindicais
  Avisos
  Informes educativos/webs
  Educación no Rural
  Educación Exterior
  Reseñas DOG
 Lexislación
Publicacións
Necesita el Flash Player y activar Javascript.
Colaboracións STEG
Necesita el Flash Player y activar Javascript.
  STEG OPINA   
CURSO 2020-2021
O CONGRESO APROBA UNHA LOMLOE MELLORADA NO SEU TRÁMITE PARLAMENTARIO, PERO LONXE AÍNDA DAS NECESIDADES EDUCATIVAS ACTUAIS
A controversia política e as demandas do ensino privado en defensa duns privilexios que non teñen parangón en Europa, non deben ocultar as deficiencias que non soluciona a “lei Celaá”. O Congreso deu hoxe, coa súa aprobación no Pleno, o primeiro paso para que a nova lei orgánica de educación que ha de substituír á nefasta LOMCE sexa unha realidade nos próximos meses. Aínda falta o seu paso polo Senado e, a eventual volta ao Congreso para a súa aprobación definitiva, no caso de que a cámara alta introduza algunha modificación no texto que aproba hoxe o Congreso dos deputados.

A primeira reflexión debe ser sobre a controversia política que está a levantar este proxecto de lei. A ofensiva que están a protagonizar as dereitas e as patronais do ensino privado concertado, co apoio doutras organizacións representativas deste ensino subvencionado con diñeiro público e onde están a utilizar a menores nas súas protestas, é un tema político. Non responde, pois, a formulacións educativas nin pedagóxicas. Responde á defensa duns privilexios que se deron no Estado español, que se incrementaron coa aprobación da LOMCE en decembro de 2013 e que non se dan no resto de países europeos da nosa contorna, agás algunha rara excepción.

Os cambios -lóxicos e necesarios, dende unha perspectiva ecolóxica do tratamento das linguas- que introduce a LOMLOE sobre inmersión lingüística, o papel do ensino privado concertado ou a eliminación das reválidas e a redución das veces que o alumnado pode repetir ao longo da súa escolaridade obrigatoria son para adecuarse á realidade do que xa sucede nos nosos centros educativos con bo resultado -a cooficialidade das linguas propias-, ou para achegarse ao que é norma xeral nas nosas veciñas europeas que nin subvencionan o ensino privado, nin establecen carreiras de obstáculos ao alumnado, se non que tratan de integralo poñendo os medios humanos e materiais para iso.

Desde o STEG celebramos sen dúbida a eliminación dos aspectos máis lesivos da LOMCE: segregación do alumnado, eliminación de competencias a claustros e consellos escolares, cualificación da materia de Relixión ou as reválidas. Igualmente avánzase nas novas medidas de admisión do alumnado en canto á distribución equilibrada do alumnado entre a pública e a concertada e elimínase a posibilidade de establecer perfís de profesorado.

O STEG valora positivamente o tratamento que nesta lei reciben as linguas do Estado, que recupera minimamente o sentido da realidade plurinacional do mesmo e que, en todo caso, demandaría por parte do goberno galego -quen ten atribuídas as competencias educativas- políticas moi distintas ás actuais en relación á lingua galega.

Celebramos que a coeducación, a inclusión e mesmo a crise climática sexan aspectos centrais da exposición de motivos. Tamén, a maior autonomía dos centros educativos, a oferta pública para o ciclo 0-3 anos, as prohibicións de doar chan público para a construción de centros privados e de subvencionar colexios que segregan por razón de sexo, son todas elas medidas necesarias.

Porén, hai outros aspectos e algunhas carencias que supoñen estar lonxe da transformación profunda que o noso sistema educativo necesita:
Dende o STEG opinamos que a Relixión Católica debe quedar fóra do currículo escolar. Non é abondo que non conte para a nota media, que logo repercute en temas como a EBAU ou a concesión de bolsas.

O carácter laico debe ser unha das bases do sistema educativo nun estado aconfesional, como establece a Constitución.

Cómpre profundar na xestión democrática dos centros. A LOMLOE, apenas mellora a cuestión. Por exemplo, a elección das direccións segue dependendo en gran medida da administración.

Bótase de menos unha redución efectiva das ratios, imprescindible para unha mellora da calidade do ensino.

Débese recoñecer o labor do profesorado, mellorando as súas condicións laborais e esta lei non o fai. O horario lectivo do profesorado no Estado é, sensibelmente, superior ao do resto de países europeos, por exemplo.

Ademais, deixa o Corpo de Profesores Técnicos de Formación Profesional(PTFP) como un corpo para extinguir, sen achegar solucións para quen non poida acceder ao Corpo de Secundaria de Formación Profesional (PSFP).

Non establece unha forma racional de Acceso á Función Pública Docente. O actual sistema que regula o acceso á docencia está desfasado. É un modelo memorístico, moi afastado das necesidades da sociedade actual e posíbelmente mellorábel.

Ao mesmo tempo, cómpre solucionar a problemática das persoas interinas, case un terzo da totalidade do profesorado do sistema educativo público non universitario a nivel do Estado. Cómpre darlle estabilidade a este profesorado e avanzar no deseño dun modelo de acceso diferenciado que o STEG sempre defendeu, e esta lei tampouco o establece.

Cómpre asegurar un financiamento do sistema público de ensino que a LOMLOE non contempla.

A eliminación da materia de Ética no Ensino Secundario Obrigatorio é inaceptable.

A posibilidade de que o persoal docente poida ser separado da docencia directa ao alumnado pola Inspección, outorga a esta un poder desmesurado que contravén o funcionamento participado democraticamente dos estamentos da administración educativa.

A supresión da proba de acceso ao Corpo de Inspección, contraria aos criterios de transparencia e autonomía que deben guiar a súa escolla e funcionamento.

- documento en pdf

COMISIÓN PERMANENTE DO SECRETARIADO NACIONAL DO STEG
24 DE NOVEMBRO DE 2020
 

prodesin.com E-mail de Contacto | Aviso Legal