O STEG denuncia que o borrador do novo decreto polo que se regula a admisión do alumnado nos centros públicos e concertados supón un paso máis na estratexia de favorecer ao ensino concertado e lexitimar a escolla de alumnado que, de facto, xa fan:
- No borrador non se garante a escolarización en centros públicos de todo o alumnado que o demande.
- Introduce a posibilidade de que o centro outorgue 1 punto por criterios arbitrarios que pode establecer cada centro. "Por criterios complementarios consistentes noutras circunstancias relevantes apreciadas xustificadamente polo órgano competente do centro, de acordo con criterios obxectivos, e que terán que facerse públicos polos centros con anterioridade ao inicio do proceso de admisión: 1 punto". Este apartado o argumenta na exposición de motivos do Decreto, no que se di: "Tamén contempla a posibilidade de aplicar criterios complementarios e obxectivos establecidos por cada centro educativo, potenciando a autonomía de organización dos centros". Desde o STEG consideramos que as “circunstancias relevantes” para a admisión de alumnado non deben ser determinadas polos centros educativos, xa que non se lles debe recoñecer a estes a capacidade de escolla de alumnado, o que pervirte a noción de servizo público.
- Introduce como criterio “Por expediente académico, se é o caso: ata 2 puntos”. De manterse esta redacción,un criterio que no anterior decreto só se aplicaba ao acceso a Bacharelato podería ser aplicado a todo o alumnado convertindo a suposta elección de centro por parte do alumnado, na selección do alumnado por parte dos centros.
- Os centros xa non teñen que reservar o 15% das prazas para matricular ao alumnado con necesidades específicas, se non que se fixa un mínimo do 10% facilitando que os centros concertados desboten a este alumnado a pesares de recibiren subvencións específicas para os atender.
- O incumprimento do decreto deixa de ser causa grave para retirarlle o concerto a un centro, nunha evidencia máis de cómo este decreto está pensado co obxectivo de favorecer ao ensino concertado a selección do alumnado.
Un exemplo máis de como todas as medidas que toma esta Consellaría van encamiñadas a reforzar a escola concertada e a súa práctica de selección de alumnado, tan lonxe do ideario democrático da escola como garante da igualdade de oportunidades.
Secretariado Nacional do STEG |